venres, 23 de decembro de 2016

Ruta literaria polo cemiterio de San Francisco (Ourense)

Outro proxecto que se está a desenvolver na cidade ourensá é unha App que permita realizar unha visita autoguiada ao cemiterio de San Francisco onde están enterrados algúns dos escritores máis ilustres da nosa literatura (E2). Este camposanto xa conta cunha guía que elaborou a Concellería de Cultura do Concello de Ourense. Grazas a ela, proponse “un percorrido posible polas últimas moradas dalgunhas xentes das artes e das letras de Ourense” (Ourense Cultural, 2015).

O camposanto é o prototipo de cemiterio romántico do século XIX. No seu interior pódense ver inmensos panteóns de granito, neogóticos e barrocos inspirados na arquitectura indiana, tumbas con enreixados oxidados, relatos de medo, todo un cemiterio de película que reflicte a puxanza da burguesía ourensá do século XIX con sepulturas famosas como as de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Ben-Cho-Sei, Florentino Cuevillas ou José Ángel Valente. Cómpre destacar tamén o cemiterio laico que se atopa anexo ao relixioso (El blog de Karkallón, 2011).

O cemiterio conta cunha Asociación de Amigos, da que foi presidente de honra o poeta José Ángel Valente quen co seu esforzo e traballo logrou a cualificación para o camposanto de Ben de Interese Cultural no ano 2000.

                                                      Fonte: http://www.ourensecultura.com/CentroHistorico/RoteirosHistoricos

Ningún comentario:

Publicar un comentario