martes, 28 de febreiro de 2017

Turismo literario: Allariz

No xeodestino Allariz, dende a Fundación Vicente Risco existe a intención de dinamizar a actividade cultural da vila con diferentes iniciativas. Unha delas é “Poetas na corte d'el Rei Sabio” que levou ata a vila alaricana a poetas como o xaponés Yasuhiro Yotsumoto. Outras actividades procuran o contacto co norte de Portugal, como o proxecto “Cultura que Une” coa vila lusa de Amarante. A Fundación conta co apoio de diversas institucións públicas, pero tamén dispón de mecenas entre empresas privadas e, especialmente, os negocios da vila de Allariz cos que a miúdo promove actividades (E4).

Por outra banda, o Inorde propón a Ruta Afonso X que, en realidade, non está especialmente vinculada á literatura a pesar de levar o nome do rei Sabio (Turismo Ourense, 2012). Nela, aparece mencionada a figura de Manuel Romasanta, personaxe sobre o que investigou Vicente Risco e sobre o que se organizan unhas xornadas anuais na Fundación Risco. Esta historia foi novelada polo alaricano Alfredo Conde, levada ao cine e conta con varios estudos dende diversos ámbitos. Pepe Domínguez escribiu un libro sobre este tema e desenvolveu unha ruta que se promovía dende a Aldea Rural Couso-Galán. O itinerario desenvólvese polo Macizo Central, na serra de San Mamede.

En Allariz (E4), ante a práctica inexistencia de redes de traballo coa cidade, estanse a realizar estudos para posibles colaboracións co norte de Portugal, en concreto coa empresa Ponto por Ponto que xa desenvolveu a Rota dos Escritores. Autores como Eça de Queiroz, Teixeira Pascoaes, Miguel de Torga e Camilo Castelo Branco son os protagonista desta ruta que percorre as terras de Trás-os-Montes e as casas-museo destes ilustres portugueses. Ademais, a Fundación desenvolve programas conxuntos coa vila de Amarante e difunde as súas actividades a través da súa web e redes sociais.

Fonte: http://www.fundacionvicenterisco.com/

venres, 23 de decembro de 2016

Ruta Filomena Dato Muruais

Incluímos, ademais, a ruta de Filomena Dato Muruais como unha iniciativa puntual. O Círculo Poético Ourensán estreábaa no ano 2009. Os lugares máis emblemáticos da vida e obra desta escritora, referente da literatura feminina e feminista galega do século XIX, convértense en paradas obrigatorias deste roteiro.


Ruta literaria polo cemiterio de San Francisco (Ourense)

Outro proxecto que se está a desenvolver na cidade ourensá é unha App que permita realizar unha visita autoguiada ao cemiterio de San Francisco onde están enterrados algúns dos escritores máis ilustres da nosa literatura (E2). Este camposanto xa conta cunha guía que elaborou a Concellería de Cultura do Concello de Ourense. Grazas a ela, proponse “un percorrido posible polas últimas moradas dalgunhas xentes das artes e das letras de Ourense” (Ourense Cultural, 2015).

O camposanto é o prototipo de cemiterio romántico do século XIX. No seu interior pódense ver inmensos panteóns de granito, neogóticos e barrocos inspirados na arquitectura indiana, tumbas con enreixados oxidados, relatos de medo, todo un cemiterio de película que reflicte a puxanza da burguesía ourensá do século XIX con sepulturas famosas como as de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Ben-Cho-Sei, Florentino Cuevillas ou José Ángel Valente. Cómpre destacar tamén o cemiterio laico que se atopa anexo ao relixioso (El blog de Karkallón, 2011).

O cemiterio conta cunha Asociación de Amigos, da que foi presidente de honra o poeta José Ángel Valente quen co seu esforzo e traballo logrou a cualificación para o camposanto de Ben de Interese Cultural no ano 2000.

                                                      Fonte: http://www.ourensecultura.com/CentroHistorico/RoteirosHistoricos

mércores, 27 de xullo de 2016

Ruta Carlos Casares

No caso do concello de Ourense, estanse a desenvolver outros proxectos como son o Roteiro Carlos Casares que xa está elaborado e pendente de concreción física. Este escritor foi durante 17 anos director da Editorial Galaxia, e dende 1989 ata o seu falecemento en 2002 director da revista GRIAL, pero sobre todo foi una das personalidades máis activas da vida cultural da Galicia do derradeiro terzo do século XX e unha das figuras máis sobranceiras das nosas letras (Editorial Galaxia, 2014).

O Liceo de Ourense, a Fundación Carlos Casares e Editorial Galaxia, coa colaboración doutras institucións inauguraron, o pasado 8 de marzo de 2014, un Roteiro Literario por algúns espazos da cidade relacionados coa vida e obra do escritor (Editorial Galaxia, 2014). O Roteiro consta de 19 paradas e comenza na casa onde naceu o escritor o 24 de agosto de 1941, remata na zona vella e recrea, a través de textos literarios, momentos significativos na biografía do homenaxeado relacionados coa cidade, na que transcorren moitas escenas da súa literatura e moitos dos seus personaxes literarios.

O mundo literario de Carlos Casares está profundamente vencellado á cidade de Ourense e algunas zonas da provincia, principalmente a Limia e o Ribeiro (Editorial Galaxia, 2014). A ruta está en proxecto polo que aínda non ten a promoción turística adecuada. Está previsto que conte con páxina web propia, códigos QR para escoitar a voz do autor e placas identificativas.

                                                       Ruta Carlos Casares por Ourense