martes, 28 de febreiro de 2017

Turismo literario: Allariz

No xeodestino Allariz, dende a Fundación Vicente Risco existe a intención de dinamizar a actividade cultural da vila con diferentes iniciativas. Unha delas é “Poetas na corte d'el Rei Sabio” que levou ata a vila alaricana a poetas como o xaponés Yasuhiro Yotsumoto. Outras actividades procuran o contacto co norte de Portugal, como o proxecto “Cultura que Une” coa vila lusa de Amarante. A Fundación conta co apoio de diversas institucións públicas, pero tamén dispón de mecenas entre empresas privadas e, especialmente, os negocios da vila de Allariz cos que a miúdo promove actividades (E4).

Por outra banda, o Inorde propón a Ruta Afonso X que, en realidade, non está especialmente vinculada á literatura a pesar de levar o nome do rei Sabio (Turismo Ourense, 2012). Nela, aparece mencionada a figura de Manuel Romasanta, personaxe sobre o que investigou Vicente Risco e sobre o que se organizan unhas xornadas anuais na Fundación Risco. Esta historia foi novelada polo alaricano Alfredo Conde, levada ao cine e conta con varios estudos dende diversos ámbitos. Pepe Domínguez escribiu un libro sobre este tema e desenvolveu unha ruta que se promovía dende a Aldea Rural Couso-Galán. O itinerario desenvólvese polo Macizo Central, na serra de San Mamede.

En Allariz (E4), ante a práctica inexistencia de redes de traballo coa cidade, estanse a realizar estudos para posibles colaboracións co norte de Portugal, en concreto coa empresa Ponto por Ponto que xa desenvolveu a Rota dos Escritores. Autores como Eça de Queiroz, Teixeira Pascoaes, Miguel de Torga e Camilo Castelo Branco son os protagonista desta ruta que percorre as terras de Trás-os-Montes e as casas-museo destes ilustres portugueses. Ademais, a Fundación desenvolve programas conxuntos coa vila de Amarante e difunde as súas actividades a través da súa web e redes sociais.

Fonte: http://www.fundacionvicenterisco.com/